sábado, 23 de febreiro de 2019

Ciencia Activa conmemora o 150 aniversario da Táboa Periódica

A alumna de 1º de Bacharelato, Antía, fíxose eco da conmemoración do 150 aniversario da elaboración da primeira Táboa Periódica por Dmitri Mendeleiev cunha entrada no blog amigo de Ciencia Activa, na que destaca a agudeza do químico ruso para ordenar os elementos de maneira sistemática atendendo á repetición periódica das súas propiedades químicas e, sobre todo, a súa capacidade de predicir a existencia de elementos non descubertos por aquel entón.  
 
https://bioxeozorelle1bac.blogspot.com/2019/02/150-anos-ca-taboa-periodica.html

Isto supuxo o pistoletazo de saída a unha carreira polo descubrimento de tales novos elementos e as súas características e, máis aló, un paso fundamental na comprensión da estrutura interna da materia, no camiño da Química por converterse nunha ciencia asentada con entidade propia.

E todo isto antes de coñecer a estrutura do átomo!! Bravo por Dmitri! E bravo por Antía e o seu post!!

venres, 1 de febreiro de 2019

2019, Ano Internacional da Táboa Periódica

Comezamos o 2019, un ano que a UNESCO declarou como Ano Internacional da Táboa Periódica, con motivo do 150 aniversario do labor de organización dos elementos químicos levado a cabo por Dmitri Mendeléyev. 

Este traballo supuxo un cambio no coñecemento da materia moito maior do que suxire a folliña que usamos nos exames de química.
Así que, pra ir coñecendo un pouco máis as características que dos elementos que a compoñen e conmemorar de maneira especial este ano, propóñennos dende a Universidade de Santiago de Compostela un par de concursos. Velaquí vos deixo as bases. 




 
Se alguén se anima a participar, que conte comigo!!

martes, 15 de xaneiro de 2019

III Concurso da muller e a nena na ciencia

Con motivo da celebración do 11 de febreiro, que pretende visibilizar o papel das mulleres no ámbito científico, a Universidade de Vigo convoca una Nova edición do seu concurso escolar da "Muller e a Nena na Ciencia". Todo o alumnado de primaria e ESO pode participar nunha das dúas modalidades: debuxo ou redacción. Tedes as bases na seguinte ligazón.
Animádevos, hai premios nas dúas categorías e nas dúas modalidades!! Na edición anterior varios dos vosos compañeiros resultaron premiados e puideron tomar parte nas actividades que programou a universidade para o evento.
Pero apurade, que o prazo remata o 25 de xaneiro. Mans á obra!!

sábado, 15 de decembro de 2018

Un modelo modélico e baleiro (II)

Continuando co coñecemento da estrutura interna da materia, as alumnas de 4º de ESO Adriana, Nuria, Sandra, e Shakira elaboraron este vídeo no que recollen os experimentos levados a cabo polo neozelandés Ernest Rutherford e o seu equipo e presentan as características do modelo atómico ao que deron lugar, de maneira que todos poidades velo e, con sorte, aprender algo del.


Un traballo moi ilustrativo e ameno, rapazas!!

venres, 14 de decembro de 2018

Dividindo o indivisible

O hate non é cousa de agora. Cada vez que un persoeiro eminente de calquera campo do saber ou do facer presenta algo ao público, está provocando que toda a comunidade de "colegas" se bote sobre iso coma un animal de presa para tratar de rebatilo, matizalo, amplialo, melloralo, criticalo, negalo sen máis...en definitiva, tumbarlle o traballo.

E se non, que llo pregunten a John Dalton, un mestre inglés de infatigable curiosidade e rigor metodolóxico que chegou a ser un dos científicos máis recoñecidos da súa época. Poida que polo que máis soe hoxe en día sexa pola enfermidade ocular de percepción das cores que leva o seu nome, pero entre outras moitas cousas,  tamén lle deu por dicir que toda a materia estaba composta de partículas elementais, indivisibles e indestrutibles chamadas átomos.

Isto é unha maneira moi simplista, case insultante, de resumir o enunciado da Teoría Atómica como froito dun traballo de investigación longo e concienzudo por parte do abnegado mestre cuáquero, pero a explicación desta teoría é materia doutro post. O importante, para o que nos ocupa agora, é que o traballo da ciencia a partir dese momento era comprobar se ese átomo era realmente a última partícula da que está feita a materia. Non tardaron en chegar os resultados, e o seguinte paso no estudo da estrutura da materia correu a cargo doutro británico, Joseph John Thomson, xa no eido da Física. 

Para ilustrarnos sobre o seu traballo e conclusións, os alumnos de 4º de ESO Agustín, Elena, Lauro e Valeria, elaboraron o seguinte vídeo, realmente interesante e ameno, e tamén froito dun gran traballo, cómpre dicir! Anímovos a velo.



Con todo, Dalton pode estar tranquilo, pois segue a recoñecerse a súa importante contribución á comprensión da estrutura da materia e o seu modelo, aínda que incompleto, coma todos, segue ofrecendo resultados satisfactorios en moitas aplicacións da química. Por outra parte, o mesmo pode dicirse de Thomson, pois o seu modelo tampouco tardaría en ser "tumbado" asimesmo, pero é innegable a afouteza demostrada ó plantexar a subdivisión do átomo e a existencia dos isótopos dun elemento, abrindo camiño a toda a investigación que viría.

Así que xa sabedes, a rebatir as leis toca! (pero con probas e rigor)

xoves, 29 de novembro de 2018

Un modelo modélico e baleiro

Este é un símbolo que forma parte da nosa iconografía habitual hoxe en día, soa a futurista, poida que teña que ver con algo perigoso... Sen embargo, o máis probable é que nada se saiba do que pretende representar nin cal foi a súa orixe.

Para ilustrar aos seus compañeiros a este respecto, hoxe, Bea de 3º de ESO-A, desplegou grandes doses de creatividade e amosou cunha maqueta o experimento da lámina de ouro levado a cabo por Geiger, Marsden e Rutherford, que permitiu constatar un feito importante: que os átomos están consituídos por un núcleo moi pequeno e unha codia moito maior na que se atopan os electróns, é dicir, que todo aquilo que posuímos ou sobre o que nos asentamos e nos parece tan firme é nun 99,9999999% espazo baleiro. Coidado coa vertixe!


 
E, ¿cómo se podían manter eses electróns alonxados do núcleo se, como sabemos, as cargas de distinto signo tenden a xuntarse? Pois, propuxo Rutherford, movéndose en órbitas coma as dos planetas arredor do sol. Velaí o porqué do símbolo empregado para representar ese modelo do átomo, o primeiro que propuxo a existencia dun núcleo, e de aí que se convertese no símbolo da química física nuclear. Coma sempre, tirando do coñecido. Sen embargo, neses mundos diminutos as cousas non adoitan ser tan sinxelas, como non tardaría en saberse...

Aínda así, bravo Bea polo teu traballo, que espero que nos teña aberto os ollos a máis de un!



domingo, 7 de outubro de 2018

Premios Nobel de Física e de Química 2018

Os pasados días 2 e 3 de outubro foron concedidos os premios Nobel de Física e de Química,  respectivamente.

Arthur Ashkin, Gérard Mourou e Donna Strickland comparten a distinción no eido da Física polo seu traballo relacionado co láser, que os levou a desenvolver innovadoras e potentes "ferramentas feitas de luz". O galardón en Química, por outra parte, compárteno Frances Arnold, George Smith e Gregory Winter, polo seu traballo na síntese de proteínas en relación coa teoría da Evolución.


Os alumnos de Bacharelato fixéronse eco desta importante nova no blog do Proxecto Ciencia Activa, así que, para quen queira saber algo máis sobre as intersantes achegas destes científicos, comparto aquí as ligazóns ás correspondentes entradas feitas por Gigi e Adriana.

Bo traballo de divulgación!