mércores, 31 de xaneiro de 2018

Experimentamos na clase co apantallamento eléctrico

Hoxe na clase estivemos a experimentar cun efecto curioso relacionado co electromagnetismo e que nos afecta a cotío. Probamos a meter un móbil coa radio conectada nun sobre feito de papel de aluminio e observamos cómo ó introducilo cos auriculares deixaba de recibir o sinal de radio, mesmo sen chegar a pechar o sobre.


Os dispositivos deste tipo coñécense como Gaiola de Faraday e baséanse nas propiedades dun condutor en equilibrio electrostático: nun sobre, caixa, ou envase metálico sobre o que incide un campo eléctrico externo, os electróns que forman parte dese material, como teñen mobilidade, desprázanse por efecto dese campo para acumularse nun lado dese obxecto, mentres que os catións metálicos quedan fixos nas súas posicións de rede, pois non teñen esa liberdade de movemento; esa separación de cargas xenera no interior da gaiola un campo eléctrico de sentido contrario ó que actúa dende fóra, contrarrestando o efecto deste. Así o campo eléctrico interno resultante é nulo e, como consecuencia, ninguna carga eléctrica se poderá mover polo interior da gaiola.
 Esta propiedade emprégase para protexer cables, escáneres e circuitos de interferencias electromagnéticas, pero tamén podemos notar o efecto do apantallamento eléctrico noutros dispositivos que, aínda que non foron deseñandos con ese propósito, actúan como gaiolas de Faraday, como cando perdemos a cobertura de móbil no interior dos ascensores ou en edificios con estrutura de malla de aceiro, ou cando un raio atravesa un avión sen consecuencias no seu interior.

As carrocerías dos coches tamén funcionan como gaiolas de Faraday, por iso se recomenda que no caso de que nos sorprenda unha tormenta eléctrica nunha viaxe en coche, permanezamos non interior do vehículo, porque é o lugar máis seguro.

Aínda así, como ocorre con frecuencia en física, este modelo é una simplificación que explica una situación ideal. A realidade é máis complexa, e no canto de falar de "anulación" de interferencias eléctricas, deberiamos de empregar o termo "atenuación". Para afondar un pouco máis neste tema, e de paso comprobar cómo se emprega unha perigosa combinación de boa sona da ciencia con escasa cultura científica da poboación para tratar de convencela de ideas do pensamento máxico, podedes consultar este blog.


Ningún comentario:

Publicar un comentario