mércores, 3 de xaneiro de 2018

Feliz perihelio a tod@s!



Hai poucos días, o 21 de decembro concretamente, tivo lugar o solsticio de inverno (para o hemisferio norte), o día do ano de menos horas de luz e o día no que a posición aparente do Sol no ceo é máis baixa. Numerosas culturas ó longo dos tempos decidiron sinalar esta data nos seus máis ou menos sofisticados calendarios como punto de “fin de ciclo” ou de “novo comezo” despois da noite máis longa e parece razoable a teoría de que a presenza de festividades por esta época sexa unha herdanza das antigas tradicións, das que se conservaron as datas pero se foron substituíndo os motivos. 

Ata aquí todo ben (supoño). O que se cadra resulta máis chocante para moitos “norteños”  é que hoxe, 3 de xaneiro, en pleno inverno boreal, o noso planeta estea no seu perihelio, é dicir, o punto da súa traxectoria arredor do Sol máis próximo a este. Parece un contrasentido que vaia máis frío nos meses nos que a Terra está máis preto da fonte de calor, pero habería que preguntarlles ós habitantes do hemisferio sur se opinan o mesmo. 
 


Os solsticios son debidos á inclinación do eixo de rotación terrestre con respecto ó plano da traxectoria elíptica que describe a Terra arredor do Sol . E precisamente é esta variación da incidencia da radiación solar ó longo do ano a que causa a existencia de estacións con climas diferenciados. 


A proximidade á estrela pode influír, pero menos. En realidade a diferencia entre a distancia á que estamos hoxe do Sol (uns 147 millóns de quilómetros) e a máxima separación á que estaremos, no chamado afelio, o vindeiro 6 de xullo é só dun 3,3%.
 
Outra circunstancia interesante a ter en conta ten que ver coa Segunda Lei de Kepler, da que, como ben sabe o alumnado de Física de 2º de Bacharelato, se pode deducir que a velocidade de translación da Terra é maior no perihelio que no afelio. Así, hoxe o noso planeta desprázase con respecto ao Sol a uns "abraiantes" 30,7 km/s (uns 110.700 km/h), fronte ós "ridículos" 28,7 km/s (103.500 km/h) que acadará en xuño, o que fai que o inverno neste hemisferio sexa máis curto que o verán. Unha boa nova para quen guste das altas temperaturas.


En todo caso, como unha elipse no ten principio nin fin, o de hoxe parece un día tan arbitrariamente idóneo coma o do solsticio ou o primeiro de xaneiro (no que non se dá ningún destes eventos astronómicos significativos para os terrícolas) para sinalar o inicio dun novo ciclo, polo que vos desexo a todos un feliz perihelio e proveitoso ano novo!!
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario