venres, 14 de decembro de 2018

Dividindo o indivisible

O hate non é cousa de agora. Cada vez que un persoeiro eminente de calquera campo do saber ou do facer presenta algo ao público, está provocando que toda a comunidade de "colegas" se bote sobre iso coma un animal de presa para tratar de rebatilo, matizalo, amplialo, melloralo, criticalo, negalo sen máis...en definitiva, tumbarlle o traballo.

E se non, que llo pregunten a John Dalton, un mestre inglés de infatigable curiosidade e rigor metodolóxico que chegou a ser un dos científicos máis recoñecidos da súa época. Poida que polo que máis soe hoxe en día sexa pola enfermidade ocular de percepción das cores que leva o seu nome, pero entre outras moitas cousas,  tamén lle deu por dicir que toda a materia estaba composta de partículas elementais, indivisibles e indestrutibles chamadas átomos.

Isto é unha maneira moi simplista, case insultante, de resumir o enunciado da Teoría Atómica como froito dun traballo de investigación longo e concienzudo por parte do abnegado mestre cuáquero, pero a explicación desta teoría é materia doutro post. O importante, para o que nos ocupa agora, é que o traballo da ciencia a partir dese momento era comprobar se ese átomo era realmente a última partícula da que está feita a materia. Non tardaron en chegar os resultados, e o seguinte paso no estudo da estrutura da materia correu a cargo doutro británico, Joseph John Thomson, xa no eido da Física. 

Para ilustrarnos sobre o seu traballo e conclusións, os alumnos de 4º de ESO Agustín, Elena, Lauro e Valeria, elaboraron o seguinte vídeo, realmente interesante e ameno, e tamén froito dun gran traballo, cómpre dicir! Anímovos a velo.



Con todo, Dalton pode estar tranquilo, pois segue a recoñecerse a súa importante contribución á comprensión da estrutura da materia e o seu modelo, aínda que incompleto, coma todos, segue ofrecendo resultados satisfactorios en moitas aplicacións da química. Por outra parte, o mesmo pode dicirse de Thomson, pois o seu modelo tampouco tardaría en ser "tumbado" asimesmo, pero é innegable a afouteza demostrada ó plantexar a subdivisión do átomo e a existencia dos isótopos dun elemento, abrindo camiño a toda a investigación que viría.

Así que xa sabedes, a rebatir as leis toca! (pero con probas e rigor)

Ningún comentario:

Publicar un comentario